Capela de Guadalupe
Pequena capela de planta rectangular con tellado a dúas augas que, sorprendentemente, foi levantada mirando ao Sur. Remata as esquinas do tellado con vistosos pináculos piramidais. Na fachada sitúase unha porta alintelada que aparece flanqueada por dous óculos laterais de forma oval. Na cimeira, unha pequena espadana dun único oco. No arco esquerdo do interior atopamos a patroa do templo, tallada nunha soa peza, baixo a arcada na que estivo o altar. Na metade da nave sitúase outra arcada que leva a imaxe da Nosa Señora das Dores. O cruceiro que se localiza a carón da fachada data de 1771-1776. O seu pedestal é case cúbico e a columna de sección cadrada no arrinque, pasando despois a octogonal. A cruz é de sección cadrada, con capitel corintio. Sobre o capitel ten unha columna coa imaxe de Cristo e da Virxe.