Cruceiro de San Ramón
Situado nas proximidades do Pazo de San Ramón, que lle dá nome. Ao parecer no ano 1927 chegou un carro ao pé do cruceiro que tiña a intención de levalo a unha propiedade que Montero Ríos tiña en Lourizán (Pontevedra). O cura da parroquia opúxose e deitouse diante do carro para evitar o traslado e os fregueses presentáronse armados con paus e galletas alarmados polo toque da campá. A cruz orixinal foi danada polos espoliadores, o que provocou a súa caída e rotura coincidindo cunha tormenta no ano 1941, un fenómeno atmosférico que tamén botou abaixo a espadana da igrexa parroquial. O canteiro que arranxou en 1926 foi José Boullosa, disque discípulo de José Cerviño. Con todo o cruceiro orixinal data de 1738, cando foi feito por Clemente Figueroa, cuxo nome consta no pedestal. Con posterioridade, en 1816, foi reedificado por un sucesor del, apelidado Martínez y Figueroa. No anverso da cruz loce unha imaxe do Cristo crucificado, mentres que no reverso aparece unha imaxe masculina (a orixinal era unha Virxe) que presenta un corazón atravesado por unha espada. Suxeitos nos brazos da cruz, dous anxiños miran en dirección á imaxe.