Capela de Santa Comba de Rebordelo
Ermida barroca construída no século XVIII que presenta planta rectangular e carece de retablo no presbiterio. Presenta unha estraña orientación Norte-Sur que escapa da orientación canónica Leste-Oeste, o que debeu ser obxecto dunha dispensa das autoridades relixiosas. O elemento máis destacable é o seu campanario de planta cadrada, cun corpo elevado perforado no sentido dos catro puntos cardinais. Coroa o conxunto unha cúpula de media laranxa sustentada por un tambor cilíndrico macizo; nas esquinas pináculos piramidais. A carón da fachada Norte levántase un cruceiro elevado sobre unha plataforma dobre. O pedestal é un tronco de pirámide. Na cara frontal vese o oco dun peto que, mirando ao Oeste, descobre unha inscrición. A sección da columna é cadrada no arrinque, pasando logo a cilíndrica. O capitel imita o corintio romano, cunha cara en altorrelevo no centro de cada unha das caras, entre pares de volutas. Remata en cruz latina de sección cadrada, que pasa a octogonal polo rebaixado das arestas ata o estremo dos brazos e testeiro, que regresan á sección orixinal. A 140 m ao Oeste da capela, un cruceiro figurado sen varal que recibe o nome de Cruceiro do Coto da Xesta. As persoas que van en romaría á capela visitan este cruceiro e, despois de dar unha ou varias voltas ao seu redor, préganlle favores de todo tipo. A fin de semana a seguir ao domingo de Pascua celébrase a tradicional e multitudinaria romaría na honra da Virxe da Saúde.