Capela de San Miguel
Estamos diante dunha capela do s. XVIII que é froito dunha ampliación do templo anterior. A fachada principal, de grande simpleza, presenta unha porta cuberta por un arco de medio punto e unha espadana lanzal a modo de coroación; a ambos lados dela entrada dous pináculos piramidais. No adro, no que se ergue un modesto viacrucis, atopamos un cruceiro de base cadrada e unha única plataforma sobre o que se levanta un pedestal troncopiramidal coas arestas rebaixadas na parte central. A columna é de sección cadrada no arrinque, pasando logo a octogonal, e remata de novo coa mesma sección que no inicio. O capitel, que forma parte do mesmo bloque, adórnase con molduras achanzadas en aresta. A cruz segue en toda a sección da columna. A fachada loce unha curiosa inscrición de 1870 na que se pide unha esmola para a Virxe dos Remedios. No interior o retablo barroco do século XVIII tivo que ser substituído por outro moderno. Na fornela central vemos a imaxe de San Miguel acompañado a ambos os lados do neno Xesús e a Virxe dos Remedios.