Peto de ánimas de tipo pechado formando parte dun muro. Posúe unha fornela rectangular con remate en arco lobulado e protexida por un enreixado metálico. O conxunto remata cunha cruz feita en pedra. Na fornela podemos ver un retablo pétreo no que aparece o Sagrado Corazón en posición central acompañado aos lados por Santa Rita á dereita, e a Virxe dos Desamparados á esquerda. Na parte inferior do retablo un Santo Antón co Neno no colo acompañado de dous anxos e seis almiñas, entre as que se distinguen un bispo e un cura. O peto de ánimas presenta dúas lendas. A primeira aparece nun medallón situado no retablo e que di:
“SOCORRED CON VUESTRA LI
MOSNA A LAS BENDITAS ALMAS
DEL PURGATORIO”
Unha segunda lenda inscrita nunha placa de mármore na base do peto que reza:
“DEVOCION DE
ISIDORO GARRIDO
Y SU ESPOSA
HERMOSINDA PÉREZ.
AÑO 1933”