Calvario de Santa Mariña
Levantado no ano 1791, está situado detrás do testeiro, pero dentro do adro. O capitel da cruz principal “comeza cunha ringleira de folliñas; do ábaco con lados curvos e esquinas en chafrán saen catro volutas que interrompen unha moldura dórica decorada. A cruz é leñosa, de nós moi marcados e sección cilíndrica, coa parte inferior case absorbida polo manto da Virxe (...). O Cristo ten a cabeza deitada ao lado dereito, coroa e barba. Aprécianselle costelas, pano atado á dereita, pernas separadas, lixeiramente flexionadas e pés cruzados repousando nunha calivera con dúas tibias. Os brazos son curtos e, a pesar de ter as mans pechadas, nótaselle o cravo, o mesmo ca nos pés. A Virxe, nimbada, sostén nos seus brazos ó Cristo nunha postura difícil, case sentado na súa perna dereita e coa cabeza moi caída sobor da esquerda, adiantada e alta con respecto á primeira e pousando sobor dunha cabeza de anxiño. Viste un manto moi amplo que dende a cabeza lle cae ata os pés, recollendo as dúas figuras dentro del.” A ambos lados do cruceiro principal, outro crucificado e outra imaxe da Virxe, desta volta cuberta cun manto e os brazos en aspa.