Panteón do adro
Mide uns 3 metros de altura e aparece montado sobre un basamento en forma de chanzos. Construído arredor do ano 1870, aparece dividido en dous corpos ben diferenciados: O inferior, de planta cuadrangular, constitúe o espazo destinado ás sepulturas dos membros da familia titular. Intégrano outras dúas unidades superpostas, a inferior refundida respecto da superior, dispón dunha única boca de inhumación e fai as veces de cinseiro; as esquinas aparecen decoradas con cartelas. O módulo superior, rematado por unha cornixa, mostra dous nichos de carga frontal. A parte superior é eminentemente decorativa. No centro, rodeado de catro esculturas alegóricas ben executadas (a morte, un anxo trompeteiro que anuncia a resurrección, o inferno e o ceo ou a salvación), vemos unha pesada forma cuadrangular, evocación dun sartego coroado por estilizado pináculo que se eleva grazas a unhas volutas angulares. Nos laterais do sartego labráronse placas conmemorativas que conteñen inscricións conmemorativas. A localización deste monumento funerario, situado nun ángulo moi visible do adro e á beira dun dos accesos ao templo, outórgalle un grande protagonismo.