Igrexa de Santo Andrés de Anceu
De finais do século XVIII é este templo parroquial que loce planta rectangular con tellado e nave central a dúas augas. Foi trasladada para incorporar a nave e ampliar a igrexa. En 1700 distínguense varias etapas onde se engade a nave central con bóvedas de madeira e de canón de medio punto, ao tempo que se amplía a fachada con frontón partido. No interior a ábsida é rectangular e ten apegada a sancristía no lado esquerdo da cabeceira, engadida en 1640 por orde do bispo de Tui. Ao carón das paredes podemos contemplar unha imaxe da Virxe de Fátima sobre un pedestal de pedra e, ao outro lado, unha imaxe de Santa Rita, tamén sobre pedestal, pero neste caso de madeira. O retablo gótico-flamíxero que cobre toda a fronte da ábsida alberga na fornela superior unha imaxe do patrón da parroquia, Santo Andrés, e no inferior unha cruz. A fornela central está ocupada polo sagrario e rematada por outra cruz do mesmo estilo. Nas fornelas laterais atopamos as imaxes da Virxe do Rosario e o Sacro Corazón de Xesús; nos estremos dúas fornelas de menor tamaño, estas ocupadas por imaxes da Virxe do Carme e da Inmaculada respectivamente. Na ménsula e no estremo do retablo están as imaxes de San Bernardo e San Bieito. O presbiterio é de bóveda de pedra a catro augas. Na porta alintelada, e a ambos os dous lados, ten pilastras apegadas. Xunto á beira esquerda loce un corpo cadrado no que se atopa o campanario. Aberta ao público só durante o culto.