Peto de Ánimas de Caritel
Peto de tipo pechado feito a base de cantaría. Loce unha ampla fornela enreixada de sección rectangular. O peto para as esmolas atópase na súa parte baixa. O conxunto remata nunha fina cruz irlandesa con remates flordelisados. No interior da fornela aparece un retablo de madeira policromada no que destaca a imaxe da Virxe do Carme co Neno no colo sobre unha gran nube rodeada por dous anxos que a flanquean. Na parte inferior aparece a figura dun bispo en posición central, acompañado dun almiña que é consolada pola Virxe á esquerda, e por un home barbado á dereita. Este peto de ánimas foi mandado erixir por Manuel Barreiro Pérez, veciño do lugar da Breixiña (Caritel), cando volveu de Brasil no ano 1902. O encargado da construción foi Francisco García, veciño do lugar de Sucastro (A Lama), quen tamén fixo a casa que está ao seu carón.