Foxo do lobo de Laxoso
O topónimo Laxoso é abundancial de laxe (lat. lagena), o que evidencia que neste lugar houbo e hai moitas pedras. E onde hai abundancia de pedra de calidade hai tamén canteiros que a traballan. A comarca das terras de Pontevedra, á que pertence o concello que nos ocupa, é famosa polos seus pedreiros, ao punto que nesta bisbarra era o oficio maioritario entre os homes, cando menos, desde a Idade Moderna. Mestres canteiros (5 homes), oficiais (129 homes) e aprendices (42 homes) eran as tres categorías profesionais posibles, sendo a primeira delas, o privilexio duns pouquiños no ano 1752. E amplos coñecementos de cantaría tiñan que ter as persoas que levantaron o Foxo do lobo de Laxoso, localizado no NE do concello, a 380 metros sobre o nivel do mar, nas proximidades do río Verdugo e moi pretiño do límite municipal cos concellos de Cotobade (N) e A Lama (W). O de Laxoso é un foxo de converxencia simple, a tipoloxía maioritaria en Galicia e no NW peninsular. Está formado por dúas sebes de pedra de aparello ciclópeo (hoxe moi esborrallado) duns 3 m de altura orixinal, ata 90 cm de anchura e 448 m de lonxitude total que conflúen nun foxo, construído en cachotería, de entre 4,5 e 4,8 m de diámetro e unha fondura orixinal indeterminada que, en calquera caso, non sería inferior a 3 m.