Igrexa de Santa María de Caritel
Templo de estilo neogótico proxectado polo arquitecto diocesano Miguel Hernández y Álvaro Reyero cuxa construción foi iniciada no ano 1903 e rematada en 1915. O prezo da obra ascendeu a 59.787 pts. De planta basilical, unha soa nave cuberta por unha bóveda de cruzaría de catro tramos separados por arcos perpiaños ou faixóns. Posúe ao longo da nave, a ambos os dous lados, vidreiras policromadas. A súa fachada principal, de gusto ecléctico, aparece dividida en tres rúas. Destaca pola disposición de media ducia de óculos ordenados de forma vertical que flanquean unha portada neogótica que sobresae en planta cuxo elemento central é un motivo calado trilobulado. Remata o conxunto un grande ollo de boi, outra volta acristalado, en forma de cruz grega e protexido por un gardapó semicircular. A coroación orixinal do conxunto, conformada por unha espadana dun único oco, non foi executada, permanecendo resgardados no exterior do templo os perpiaños que conformaron a espadana cuatripartita que substituíu á bipartita que estivo en pé ata 1973. A carón da fachada sur, un pousadoiro e un cruceiro figurado cunha fermosa imaxe da Virxe co neno no colo que ten como peaña a cabeza dun querubín. Anteriormente no campo da festa, que acolle unha ducia de carballos, había unha pequena capela barroca do século XVIII baixo a advocación da Inmaculada Concepción que foi substituída pola igrexa actual.