Pazo de Dona Sofía
Pazo urbano de planta rectangular que ocupa unha posición senlleira na escena urbana, con fachada á Rúa da Ponte, a principal vía da vila. O máis singular desta casa é a fachada neoclásica da súa capela privada, que se organiza de forma vertical mediante a superposición de tres corpos enmarcados por pilastras acanaladas. No corpo intermedio destaca un escudo que sitúa unha cruz de Malta no centro dunha estrela de seis puntas intercalada con flores de lis e cinguida por unha coroa real. No corpo superior, unha espadana con balcón desde o que se tocan o seu par de campás o día da festa. Neste oratorio privado gárdase unha imaxe da Sagrada Familia, que sae en procesión o sábado das Dores camiño da igrexa do Sagrado Corazón (ao lado da Casa do Concello), e volve o martes das Dores á capela. Na capela tamén se garda una estampa do Nazareno. O sábado a procesión parte da capela do Pazo de Dona Sofía camiño da capela de Méndez, onde se atopa coa Virxe das Dores. Logo a Virxe e a Sagrada Familia procesionan xuntas cara a igrexa do Sagrado Corazón. O martes (día no que rematan as festas) saen de novo en procesión da igrexa nova para devolver as imaxes ás súas capelas respectivas.