Igrexa de Santiago
Igrexa de estilo renacentista do s. XVI que presenta planta basilical, con bóvedas de canón e arcos faixóns ou de perpiaño. Son de destacar os elementos renacentistas: a porta coroada con frontón triangular clásico da fachada principal e a ábsida cuberta cunha extraordinaria bóveda de cruzaría estrelada, albergando un retablo barroco de tres rúas e dúas alturas, dividido por estípites. No exterior destacan tamén os dous pares de pináculos piramidais calados, un deles –o inferior do lado sur–complementado cun reloxo de sol. Permanece aberta ao público durante as horas de culto. No adro hai un cruceiro sen figuración e restos dun viacrucis do século XVII aproximadamente, ademais dun conxunto de lápidas funerarias labradas en granito de moito interese.