Igrexa de San Fiz de Forzáns
Templo de planta rectangular con tellado a un par de augas. A cabeceira é de maior altura que a nave. Os muros laterais aparecen apoiados en contrafortes. A fachada principal, de traza sobria, loce flanqueada por pilastras laterais de fuste liso. No seu centro a porta principal preséntase enmarcada por molduras e orelleiras barrocas. O reloxo que aparece sobre o xanelo que se abre no centro do frontón triangular é froito dunha doazón dunha familia da parroquia no ano 1931. No lado esquerdo ten apegada a torre do campanario, de planta cadrada dividida en tres corpos –dous deles perforados– por cornixas que sobresaen en planta. As esquinas do tellado aparecen rematadas por pináculos piramidais rematados en bóla. Á beira da porta principal destaca un brasón cuartelado en cruz que puido pertencer á Casa do Coto, unha casa forte da parroquia na que viviu un tal Oubiña que loitou contra os franceses en 1809 capitaneando un grupo de aldeáns.