Praia fluvial da Calzada
A da Calzada é a única praia fluvial de Galicia e España que conta con bandeira azul. Por ela pasa o Sendeiro Azul de Ponte Caldelas, que bordea o río Verdugo entre a vila e os Pasos da Fraga, onde enlaza con outro sendeiro, o das Almiñas e o Foxo do Lobo. A praia fluvial, situada a menos de 1 km da Ponte de Caldelas, conta con todos os servizos (socorristas, parque infantil, zona de baño especializadas: infantil, adultos, animais) e localízase nunha frondosa paraxe natural de grande beleza paisaxística. O nome da praia débese á calzada ou presa que, en 1907, se construíu por iniciativa do matrimonio formado por Clotilde Fernández Orge e José Estévez Fernández para converter en luz eléctrica a forza da auga do Verdugo. Clotilde, unha muller moderna e ilustrada dotada dunha grande personalidade, promoveu a chegada da luz eléctrica a Ponte Caldelas mediante a construción dunha fábrica da luz que se localizou no mesmo edificio que o seu avó explotaba unha serie de muíños fariñeiros. Grazas á súa iniciativa os antigos muíños pasaron a ser un complexo industrial que funcionaba de día como serradoiro de madeira e como muíño e, de noite, como turbina para dotar de luz eléctrica á vila do Verdugo.