Almiñas da Igrexa
Forman parte do muro de peche do adro e aparecen orientadas ao Sur, coroadas por un frontón triangular liso flanqueado por pináculos en forma piramidal. Coroa o conxunto un reloxo de sol superado por unha cruz de ferro realizada en forxa. O conxunto, levantado no ano 1850, segundo reza nunha inscrición que podemos ler na lumieira, destaca fundamentalmente polo seu retablo pétreo policromado. Nel vemos unha escena do Purgatorio presidida por unha cruz latina sen figuración ao lado da que locen dúas estrelas. Na parte inferior un total de cinco ánimas (tres delas, autoridades relixiosas) arden entre as lapas en actitude de oración.