Centro Cultural da vila
Edificio público centenario que, en orixe, presentaba unha planta en forma de U que, despois dunha serie de alteracións, converteuse en planta rectangular. Preside un dos lados menores da alameda da vila, o que lle confire un carácter referencial, dominando a perspectiva deste espazo público. O deseño da súa fachada é austero, optando por dividir o frontis por medio de pilastras, que pautan verticalmente o espazo. No eixe sitúase a porta de acceso principal baixo un balcón voado e, rematando o conxunto en altura, unha espadana dun único van que se eleva sobre un moderno casetón alleo ao proxecto orixinal.