Mámoas da Cruz do Brasil
No que hoxe é Galicia, durante o período Neolítico, é dicir, entre os anos 4.500 e 2.500 a.C, ten lugar a construción de milleiros de mámoas, isto é, de túmulos de terra que acollen no seu interior diferentes tipos de construcións –as máis coñecidas, dolmens ou cámaras megalíticas– que teñen por finalidade acoller enterramentos colectivos.
As mámoas, como estas dúas da Cruz do Brasil, son o primeiro exemplo de arquitectura monumental documentada en Europa e un dos máis antigos do mundo, xa que non acontecera nada parecido nos 4 millóns de anos anteriores de evolución do xénero humano.
As mámoas ou túmulos son un produto humano monumental característico por:
1.- Son unha obra artificial que implica a mobilización do esforzo de moitas persoas para un fin funerario.
2.- Foron construídas para ser visibles na paisaxe e para ser perdurables no tempo.
A sociedade que levantou este tipo de monumentos funerarios tiña unha base económica mixta, centrada na caza de animais, a recolección de froitos e, por vez primeira na historia da humanidade, a domesticación de animais (o can, o porco, a ovella...) e o cultivo de cereais e hortalizas.