Cruceiro do Campo
Érguese este cruceiro diante da casa que pertenceu a Cándido González Lopo que foi quen de arranxalo, engadíndolle tamén unhas figuras novas.
Do primitivo cruceiro queda a plataforma, base, columna e capitel.
Na base, cúbica, nunha das caras laterais unha fornela cun San Antonio que evidencia que foi antigo peto de ánimas.
Noutra, tapiando outra fornela cunha lápida, figura o seguinte:
“ESTA CRUZ FUE RESTAURADA EN EL AÑO DE 1978 POR CANDIDO GONZALEZ LOPO EN HOMENAJE POSTUMO A SUS ANTEPASADOS Y A TODOS LOS VECINOS DE LA INSUA”.
Pousada na base, outra efixie estende a súa man pedindo esmola: “DIOS SE LO PAGUE”.
Na columna, pegadas ela, atopamos as figuras de San Pedro con chave e libro, Santa Lucía coa palma e prato cos ollos, e Virxe do Carme co Neno, escapularios e coroa.
Detrás da columna unha cruz de ferro coa representación da Asunción e nunha baldosa “Nuestra Señora de la Esperanza-Macarena”.
No capitel, follas de acanto, esvástica de nove brazos, flor de cinco pétalos, trevo de catro follas e outros motivos decorativos.
Na cruz, ao lado do Cristo atópanse as figuras da Virxe e San Xoán. No reverso unha Piedade sobre peaña enriba da cabeza dun anxo con ás.
A veciñanza recorda a antiga cruz que rompeu. Estivo moitos anos sen ela, ata que Cándido González colocou a actual de ferro, os santos do varal e a lápida da base.