Casa de Manuel Rodríguez
Para a arquitecta Táboas Veleiro "esta é, seguramente, a vivenda de brasileiros que mellor representa o espírito da emigración que triunfou en ultramar. Inmoble que anteriormente conserva intacta a distribución inicial, a decoración e o mobiliario. Unha peza de grande interese arquitectónico. A tipoloxía formal é reflexo do sincretismo destas arquitecturas de emigración, onde conviven sen ningún pudor varios estilos do mesmo tempo, equilibrándose esteticamente (...)”. A composición dos ocos de fachada é o propio do estilo ecléctico, aparecendo en ocasións o lintel recto, noutras un arco de medio punto e noutros o arco rebaixado. A estudosa Cortés López apunta que no interior sobresae a utilización de molduras (en formigón ou escaiola) decoradas con lazos, rosetas, palmetas, e no exterior as pequenas pezas xeométricas que desbordan e remarcan determinados puntos como os linteis e balcóns, con movementos ondulantes que dinamizan e adornan a imaxe do edificio.