O Río Verdugo
O Verdugo nace a 760 m de altura na aldea de Cernadelos (Santa Mariña de Presqueiras, Forcarei). No seu primeiro tramo baixa encaixado atravesando os concellos de Beariz, A Lama e Ponte Caldelas, converténdose nun val fluvial máis amplo á altura de Soutomaior. No seu último tramo fai de límite natural entre os concellos de Soutomaior e Pontevedra, desembocando na Ría de Vigo entre as parroquias de Arcade e Ponte Sampaio. O Verdugo ten sona pola pesca da troita. Desde o ano 1967, o último domingo de maio, celébrase en Ponte Caldelas a Festa da Troita e o concurso internacional de pesca de salmónidos.