BASES DO CONCURSO DE ENTROIDO DE PONTE CALDELAS 2024
PRIMEIRA.– O DESFILE DO CONCURSO DE ENTROIDO 2024 celebrarase o venres 16 de febreiro de 2024, ás 20:30 horas. A concentración dos participantes será a partir das 19:00 horas nas Rúas México- Brasil. O recorrido a levar a cabo será o seguinte: saída da Rúa Brasil xirando a esquerda para incorporarse a Avda de Pontevedra, continuando pola Rúa da Ponte, xirando cara a Rúa Emigrante (antes da ponte), continuando pola Rúa Marín, Praza de España e finalizando na Alameda de Ponte Caldelas. A reunión do Xurado e a entrega de premios levarase a cabo a continuación no Centro Cultural da vila.
SEGUNDA.- Poderán participar tódolos que se inscriban nunha das seguintes categorías:
- Comparsas.- terán como mínimo 25 participantes e poderán ir acompañadas de carroza, xulgándose nesta categoría que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasarrúas de Entroido. Terán que gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación. Dentro da categoría de comparsas ábrese un apartado especial para as compostas por nenos/as na súa totalidade (aínda que poidan estar acompañados por pais/nais) e concursarán dentro da categoría de Comparsas infantís.
- Grupos.- terán como mínimo 10 participantes e poderán ir acompañados de carroza. Terán que gardar unha unidade temática.
- Individual/Parellas.- valorarase a aqueles disfraces que se presenten de maneira individual ou parellas.
TERCEIRA.- Inscricións: as solicitudes de inscrición presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Ponte Caldelas (en horario de 9 a 14:00 horas) en impreso normalizado facilitado a tal efecto; ou a través da sede electrónica do Concello de Ponte Caldelas: pontecaldelas.sedelectronica.es, con data límite de mércores 14 de febreiro de 2024 as 14:00h. No momento de formalizar a inscrición farase constar:
• Nome da comparsa/grupo
• Número de persoas membros que a compoñen.
• Tarxeta de identificación Fiscal no caso de ser unha asociación constituída.
• Nome, apelidos, fotocopia do DNI, dirección e teléfono da persoa representante (de non ser unha asociación constituída).
• Nome, fotocopia do CIF, dirección e teléfono, en caso de ser unha asociación legalmente constituída.
A organización resérvase o dereito de decretar o peche admisión de solicitudes antes desta data no caso de que a cantidade das mesmas sexa superior á capacidade máxima admisible polas características do recorrido. En caso de suspensión da celebración do Desfile, e no suposto de que se leve a cabo un traslado de data o novo prazo de inscrición abranguerá ata as 14:00 horas do último día hábil anterior non sábado á nova data de celebración, manténdose o mesmo procedemento de solicitude.
CUARTA.- Xurado: o Xurado estará composto polos seguintes membros:
- Presidente: D. Enrique Vidal Tellado, Concelleiro do Concello de Ponte Caldelas ou persoa en quen delegue.
- Secretario: Dna. María Martín Regueira, Dinamizadora Cultural do Concello de Ponte Caldelas ou persoa en quen delegue.
- Vogais: cinco persoas elixidas entre o público asistente ó desfile e persoal colaborador coa organización.
Á hora de conceder os premios valoraranse aspectos como a orixinalidade, vestiario, calidade musical, capacidade de representación, … así como o desenfado e ánimo de Entroido ó longo de todo o percorrido. As decisións do Xurado son inapelables e se o considera oportuno pode deixar algún premio deserto tendo en ambos casos liberdade de criterio.
QUINTA.- Premios: establécense os seguintes.-
PREMIOS POR DESFILE.- Valoraranse diferentes aspectos como a a orixinalidade, vestiario, calidade musical, coreografía, e desenfado e ánimo de Entroido ó longo de todo o percorrido. Participarán neste premio todos os inscritos en cada unha das categorías e cos importes que se recollen a continuación
COMPARSAS
1º PREMIO: 300 EUROS
2º PREMIO: 200 EUROS
3º PREMIO: 100 EUROS
GRUPOS
1º PREMIO: 300 EUROS
2º PREMIO: 275 EUROS
3º PREMIO: 250 EUROS
4º PREMIO: 200 EUROS
5º PREMIO: 150 EUROS
INDIVIDUAL/PARELLAS
1º PREMIO: 120 EUROS
2º PREMIO: 100 EUROS
3º PREMIO: 50 EUROS
INFANTIL
ÚNICO: 100 EUROS
PREMIOS POR PARTICIPACION: Establecerase un Premio pola participación/ asistencia no desfile dentro das seguintes categorías:
– Categoría 1: Comparsas : 600€
– Categoría 2: Grupos de 50 a 80 compoñentes: 300€
– Categoría 3: Grupos de máis de 80 compoñentes: 500€.
Unha vez finalizado o desfile, para que o premio poida facerse efectivo, é necesario que a persoa representante da comparsa/ grupo presente no Concello unha fotocopia do CIF, e un certificado da conta bancaria , así como a fotocopia do DNI.
No caso de comparsas non constituídas como asociación cultural presentarán os seguintes datos: nome da persoa representante autorizándose a si mesmo ao cobro do premio, sinatura, nome, no de conta bancaria, así como DNI e sinatura de todas as persoas que compoñen as comparsas autorizando a persoa representante a devandito cobro. Toda compensación está suxeita ás retencións fixadas pola lei.
Os premios serán pagados mediante transferencia do Concello de Ponte Caldelas previa solicitude de pagamento asinada polo premiado ou representante da comparsa ou grupo.
A percepción dos importes correspondentes estará suxeita ás retencións e impostos contemplados na lexislación vixente.
SEXTA.- Desfile: a orde de desfile será asignada pola organización do evento e comunicada ós participantes no momento de chegada á concentración. Da mesma maneira, o persoal da organización e o xurado do concurso quedan facultados para excluír do desfile ou cambiar o seu posto na orde a calquera elemento das comparsas que se considere perigoso co obxecto de garantir a seguridade dos demais participantes e do público asistente antes, durante e ó final do evento. Queda prohibido a utilización de elementos como pirotecnia, lume,… ou calquera outro material ou elemento do desfile que incida na seguridade dos participantes ou do público. A organización reservase o dereito de poder modificar o recorrido por causas debidamente xustificadas.
SÉTIMA.- O Presidente do Xurado queda facultado para resolver as posibles eventualidades ou controversias que poidan xurdir e non previstas nestas bases.
OITAVA.- O Presidente do Xurado resérvase a facultade de suspensión do desfile por causas debidamente motivadas sen que de lugar a ningún tipo de indemnización por parte dos participantes.
NOVENA.- A participación no concurso exime á organización de calquera responsabilidade relativa ós danos que as persoas, vehículos e calquera outro elemento que se empregue no mesmo poida sufrir ou ocasionar durante a celebración do mesmo.
DÉCIMA.- A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases
UNDÉCIMA.- As presentes BASES serán expostas no taboleiro de anuncios do Concello de Ponte Caldelas, na sede electrónica municipal e publicadas no Boletín Oficial da Provincia.