ADMINISTRACIÓN

Ponte Caldelas, espectacular no calendario de 2024

A publicación foi obxecto dunha subvención de Dinamización Sociolingüística para a dinamización da lingua galega da Deputación de Pontevedra, recibindo un importe de 3.267 euros (70%)

O Concello de Ponte Caldelas editou, novamente, para o ano 2024 un calendario que se reparte porta a porta e é totalmente gratuito. Un ano máis está composto por imaxes do municipio e, seguindo a estética do ano pasado, o almanaque é a toda cor e incorpora refráns en cada un dos doce meses do ano. O almanaque recibiu unha subvención 3.267 euros da Deputación de Pontevedra, dentro da convocatoria do ano 2023, para a dinamización da lingua galega

O calendario permite contemplar o patrimonio e os lugares emblemáticos do concello dende o aire e incorpora tamén todas as feiras de Ponte Caldelas, as festas de cada un dos lugares do municipio e os eventos que se organizan a nivel municipal. 

O calendario entrégase porta a porta en todas as vivendas do concello e tamén se distribuirá nos comercios e locais de hostalería da vila. No Consistorio haberá tamén exemplares para que poidan recoller aquelas persoas que desexen facerse cun almanaque que, un ano máis, logra aunar a esencia de Ponte Caldelas nos doce meses do ano.

A Deputación de Pontevedra concede unha subvención de 15.137,10 euros ao Concello de Ponte Caldelas para a redacción do proxecto de «Recuperación peonil dos espazos entre a Praza de España e Praza de Frei Antonio Orge»

A Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello de Ponte Caldelas unha subvención de 15.137,10 euros para a redacción do proxecto de recuperación peonil dos espazos entre as prazas de España e Frei Antonio Orge.

A través do Plan Ágora, a Deputación outorgoulle ao Concello unha axuda a través do Eixe 1 (redacción de proxectos). A redacción do proxecto de recuperación peonil dos espazos entre as prazas de España e Frei Antonio Orge custou 16.819 euros, dos que a Deputación de Pontevedra subvencionou 15.137,10 euros, o 90% do custo do proxecto, e o Concello de Ponte Caldelas asumiu 1.681,90 euros.

2º CONCURSO ‘PORTAS DE NADAL’ PONTE CALDELAS 2023

BASES:

1.- PARTICIPANTES: Poderán participar as portas de vivendas existentes no termo municipal de Ponte Caldelas. Os/as solicitantes deberán de figurar como alta no Padrón Municipal de Habitantes.

2.- PRAZO DE EXPOSICIÓN: O prazo de exposición das portas participantes será o comprendido entre o 24/12/2023 e o 06/01/2024.

3.- PRAZO E FORMA DE SOLICITUDE: O prazo de envío das fotografías das portas participantes rematará o 29/12/2023, ás 14.00 horas. Para participar deberán de enviar a fotografía ó email portasdenadal@pontecaldelas.gal . Deberá de vir acompañada dos datos do/a participante (nome, apelidos, DNI, domicilio no concello, teléfono). Unha vez recibida a fotografía e comprobados os datos seralle enviado un correo de confirmación de participación no Concurso.

4.- TEMA: O tema para desenvolver será alegórico ao Nadal. Descartaranse aquelas imaxes que resulten ofensivas, abusivas… ou que teñan contido publicitario. 

5.- PREMIOS: establécense os seguintes premios:
1º premio: Cesta de produtos gourmet por valor de 250
2º premio: Cesta de produtos gourmet por valor de 200 €
3º premio: Cesta de produtos gourmet por valor de 150 €

6.- SISTEMA DE SELECCIÓN: As imaxes recibidas subiranse ó Facebook de Alcaldía e a ’Turismo Ponte Caldelas’ o 29/12/2023 e competirán entre si por un “ME GUSTA” que reflectirá os/as gañadores do Concurso. O período de votación abranguerá ata o 02/01/2024 ás 14:00 horas. En caso de empate entre dúas ou máis fotografías procederase a desempatar mediante sorteo.

7.- ENTREGA DE PREMIOS: os premios serán entregados nos domicilios premiados facéndose unha foto do acto que será publicado nas redes sociais de Alcaldía, Turismo Ponte Caldelas, medios de comunicación, etc.
8.- A participación neste concurso supón a aceptación total das presentes bases, así como as decisións tomadas por parte do Concello de Ponte Caldelas, podendo quedar excluído todo aquel participante que as incumpra.

9.- A participación no Concurso exime de toda responsabilidade á organización a cargo do Concello de Ponte Caldelas así como de calquera tipo de indemnización que poida considerarse por motivo da suspensión ou calquera outra circunstancia relacionada co Concurso.

10.- O Concello de Ponte Caldelas resérvase o dereito de interpretación das presentes Bases.

PUNTO DE INFORMACIÓN
CATASTRAL (PIC)

Ubicación: Casa do Concello.
Avenida de Galicia,17.
36820 Ponte Caldelas.
Teléfono: 986750001/13
Horario: de 9 a 14:00h
de luns a venres.