
PRIMEIRA.- O DESFILE DO CONCURSO DE ENTROIDO 2025 celebrarase o venres 7 de marzo
de 2025, ás 20:30 horas. A concentración dos participantes será a partir das 19:00 horas nas
Rúas México- Brasil. O recorrido a levar a cabo será o seguinte: saída da Rúa Brasil xirando a
esquerda para incorporarse a Avda de Pontevedra, continuando pola Rúa da Ponte, xirando cara
a Rúa Emigrante ( antes da ponte), continuando pola Rúa Marín, Praza de España e finalizando
na Alameda de Ponte Caldelas. A reunión do Xurado e a entrega de premios levarase a cabo a
continuación no Centro Cultural da vila.
SEGUNDA.- Poderán participar tódolos que se inscriban nunha das seguintes categorías:
• Comparsas.- terán como mínimo 25 participantes e poderán ir acompañadas de carroza,
xulgándose nesta categoría que a música sexa en directo realizada con instrumentos
musicais e interpretarán as súas composicións e pasarrúas de Entroido. Terán que
gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación. Dentro da
categoría de comparsas ábrese un apartado especial para as compostas por nenos/as
na súa totalidade (aínda que poidan estar acompañados por pais/nais) e concursarán
dentro da categoría de Comparsas infantís.
• Grupos.- terán como mínimo 10 participantes e poderán ir acompañados de carroza.
Terán que gardar unha unidade temática.
• Individual/Parellas.- valorarase a aqueles disfraces que se presenten de maneira
individual ou parellas.
TERCEIRA.- Inscricións: as solicitudes de inscrición presentaranse no Rexistro Xeral do
Concello de Ponte Caldelas (en horario de 9 a 14:00 horas) en impreso normalizado facilitado
a tal efecto; ou a través da sede electrónica do Concello de Ponte Caldelas: pontecaldelas.
sedelectronica.es, con data límite de mércores 05 de marzo de 2025 as 14:00h.
No momento de formalizar a inscrición farase constar:
• Nome da comparsa/grupo
• Número de persoas membros que a compoñen.
• Tarxeta de identificación Fiscal no caso de ser unha asociación constituída.
• Nome, apelidos, fotocopia do DNI, dirección e teléfono da persoa representante (de non
ser unha asociación constituída).
• Nome, copia do CIF, dirección e teléfono, en caso de ser unha asociación legalmente
constituída.
A organización resérvase o dereito de decretar o peche admisión de solicitudes antes desta
data no caso de que a cantidade das mesmas sexa superior á capacidade máxima admisible
polas características do recorrido.
En caso de suspensión da celebración do Desfile, e no suposto de que se leve a cabo un traslado
de data o novo prazo de inscrición abranguerá ata as 14:00 horas do último día hábil anterior
non sábado á nova data de celebración, manténdose o mesmo procedemento de solicitude.
CUARTA.- Xurado: o Xurado estará composto polos seguintes membros:
— Presidente: D. Enrique Vidal Tellado, Concelleiro do Concello de Ponte Caldelas ou
persoa en quen delegue.
— Secretario: Dna. María Martín Regueira, Dinamizadora Cultural do Concello de
Ponte Caldelas ou persoa en quen delegue.
— Vogais: cinco persoas elixidas entre o público asistente ó desfile e persoal
colaborador coa organización.
Á hora de conceder os premios os membros do xurado deberán puntuar de 0 a 5 de acordo
cos seguintes criterios: a orixinalidade, vestiario, calidade musical, coreografía, e desenfado e
ánimo de Entroido ó longo de todo o percorrido.
As decisións do Xurado son inapelables e se o considera oportuno pode deixar algún premio
deserto tendo en ambos casos liberdade de criterio.
QUINTA.- Premios: establécense os seguintes.-
PREMIOS POR DESFILE.- Valoraranse diferentes aspectos como a a orixinalidade, vestiario,
calidade musical, coreografía, e desenfado e ánimo de Entroido ó longo de todo o percorrido.
Participarán neste premio todos os inscritos en cada unha das categorías e cos importes que
se recollen a continuación
COMPARSAS
1º PREMIO 300,00 €
2º PREMIO 200,00 €
3º PREMIO 100,00 €
GRUPOS
1º PREMIO 300,00 €
2º PREMIO 275,00 €
3º PREMIO 250,00 €
INDIVIDUAL PARELLAS
1º PREMIO 120, 00 €
2º PREMIO 100, 00 €
3º PREMIO 50, 00 €
INFANTIL
ÚNICO 100,00 €
PREMIOS POR PARTICIPACION: Establecerase un Premio pola participación/ asistencia no
desfile dentro das seguintes categorías:
• Categoría 1: Comparsas : 600€
• Categoría 2: Grupos de 50 a 80 compoñentes: 300€
• Categoría 3: Grupos de máis de 80 compoñentes: 500€.
Unha vez finalizado o desfile, para que o premio poida facerse efectivo, é necesario que a
persoa representante da comparsa/ grupo presente no Concello unha fotocopia do CIF, e un
certificado da conta bancaria , así como a fotocopia do DNI.
No caso de comparsas non constituídas como asociación cultural presentarán os seguintes
datos: nome da persoa representante coa que se relacione o concello para cobrar o premio,
sinatura, nome, nº de conta bancaria, así como DNI e sinatura de todas as persoas que compoñen
as comparsas autorizando a persoa representante a devandito cobro. Toda compensación está
suxeita ás retencións fixadas pola lei.
Os premios serán pagados mediante transferencia do Concello de Ponte Caldelas previa
solicitude de pagamento asinada polo premiado ou representante da comparsa ou grupo.
A percepción dos importes correspondentes estará suxeita ás retencións e impostos
contemplados na lexislación vixente.
SEXTA.- Desfile: a orde de desfile será asignada pola organización do evento e comunicada
ós participantes no momento de chegada á concentración. Da mesma maneira, o persoal da
organización e o xurado do concurso quedan facultados para excluír do desfile ou cambiar o
seu posto na orde a calquera elemento das comparsas que se considere perigoso co obxecto de
garantir a seguridade dos demais participantes e do público asistente antes, durante e ó final
do evento. Queda prohibido a utilización de elementos como pirotecnia, lume,… ou calquera
outro material ou elemento do desfile que incida na seguridade dos participantes ou do público.
A organización reservase o dereito de poder modificar o recorrido por causas debidamente
xustificadas.
SÉTIMA.- O Presidente do Xurado queda facultado para resolver as posibles eventualidades
ou controversias que poidan xurdir e non previstas nestas bases.
OITAVA.- O Presidente do Xurado resérvase a facultade de suspensión do desfile por causas
debidamente motivadas sen que de lugar a ningún tipo de indemnización por parte dos
participantes.
NOVENA.- A participación no concurso exime á organización de calquera responsabilidade
relativa ós danos que as persoas, vehículos e calquera outro elemento que se empregue no
mesmo poida sufrir ou ocasionar durante a celebración do mesmo.
DÉCIMA.- A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases.
UNDÉCIMA.- As presentes BASES serán expostas no taboleiro de anuncios do Concello de
Ponte Caldelas, na sede electrónica municipal e publicadas no Boletín Oficial da Provincia.
O Alcalde,
Asdo.: Andrés Díaz Sobral
